Doade non é unha mina

Image

Mini chapa 1

Image

Mini chapa 2

Image

Mini chapa 3

Image

Mini chapa 4

Image

Mini chapa 5

Image

Mini chapa 6

Alegación

👉 Descarga, cubre e presenta o modelo de alegación breve

  1. A zona afectada pertence ao MVMC de Doade. A comunidade de montes rexeitou expresamente a implantación do proxecto segundo acordos públicos e actas de asemblea veciñal, sendo que a ocupación sen consentimento vulnera a Lei 7/2012, de montes de Galicia.
  2. O proxecto fora presentado previamente en 2018, sendo tramitado nun procedemento que non contou coa preceptiva avaliación de impacto ambiental, vulnerando a Lei 21/2013 de Avaliación Ambiental. O procedemento fora finalmente arquivado logo da incapacidade da empresa de subsanar as deficiencias indicadas nun informe desfavorable da Confederación Hidrográfica Miño-Sil debido ao risco para augas superficiais e subterráneas.
  3. O proxecto actual é esencialmente idéntico ao anterior e non resolve os impactos ambientais que motivaron o seu rexeitamento.
  4. O proxecto asume a validez dun dereito mineiro outorgado fai case un cuarto de século, en 2001, que incorreu repetidamente en causas de nulidade, nunca declarada pola administración en fraude de lei.
  5. O proxecto prevé captar 25.700 litros/hora de auga subterránea, afectando con toda probabilidade ás captacións de auga potable das aldeas afectadas, entre elas, Doade.
  6. O proxecto carece dun plan para o tratamento para as augas en contacto coa explotación. As augas residuais suporán a inxección de substancias tóxicas e perigosas no rego do Porto de Antas, afluente do río Doade e, por extensión, dos ríos Avia e Miño, vulnerando o principio de non deterioración marcados pola DMA e a Lei de Augas (Real Decreto Lexislativo 1/2001). A zona de vertido está declarada de interese ambiental no Plan Hidrolóxico Miño-Sil en vigor (2022-2027).
  7. A depresión da capa freática por extracción masiva de auga afectaría gravemente á subministración en tempos de seca, en contradición co principio de precaución do artigo 191 do TFUE.
  8. A pesar no rexeitamento por parte da CHMS en 2020, non se presentou un estudo hidroxeolóxico que aclare os riscos indicados nin se prevé ningunha alternativa no caso de deixar sen auga á poboación.
  9. O proxecto non cumpre os requisitos da Directiva Marco da Auga (2000/60/CE), ao causar deterioro de masas de auga sen avaliación de alternativas. Vulnera ademais o dereito á vida e á saúde (art. 2 e 35 da Carta da UE), á vista da contaminación esperable.
  10. O proxecto divide artificialmente a explotación en fases para evitar avaliar o impacto acumulado, práctica prohibida pola Directiva 2011/92/UE e xurisprudencia do TJUE, tendo manifestado as sucesivas concesionarias mineiras que este será apenas unha primeira fase dun proxecto a maior escala.
  11. Non se avalía adecuadamente o impacto da mina sobre o ecosistema da Serra do Suído, Serra do Cando e Serra do Candán, incluíndo a afección á Rede Natura 2000 e á conectividade entre espazos. Varios espazos próximos formaban parte da proposta de ampliación da Rede Natura 2000 formulada en 2008 e que a Xunta non implementou a pesar da obrigatoriedade derivada da lexislación europea.
  12. O proxecto afecta hábitats prioritarios do Anexo I da Directiva Hábitats (92/43/CEE), incluíndo 4020*, 7110*, 91E0* e 9230. O estudo ambiental presentado pola empresa non identifica nin cataloga adecuadamente os hábitats afectados, nin analiza o impacto indirecto da minería subterránea. Non se realiza avaliación de impacto sobre a fauna protexida (mamíferos, aves, réptiles e morcegos), vulnerando a Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade.
  13. Atendendo ao anterior, o proxecto incumpre o artigo 6.3 da Directiva Hábitats ao non garantir que non afectará á integridade dos espazos da Rede Natura 2000 contiguos ou próximos, así como á conectividade entre os mesmos, para a que o espazo do proxecto supón un corredor natural.
  14. O proxecto tampouco contempla os impactos acumulativos con outros proxectos na contorna, vulnerando novamente a Directiva EIA.
  15. Tense vulnerado de xeito sistemático o dereito de acceso á información ambiental (Lei 27/2006 e Convenio de Aarhus), ao negarse a documentación clave á cidadanía e CMVMC afectadas.
  16. A empresa carece de experiencia previa en minería metálica e carece de calquera noción na minería de litio, da que non existe nin en Galicia nin do Estado español ningunha mina en funcionamento. A tecnoloxía proposta non foi validada por estudos de viabilidade técnica/económica contrastados, sendo de natureza altamente experimental e especulativa.
  17. A intención de reinxectar todos os residuos na mina é tecnicamente inviable, segundo os estándares internacionais (que fixan un máximo 50-60% de residuos reinxectados). Resultará inevitable a creación dunha escombreira superficial, que non foi avaliada no proxecto. Isto evidencia que o proxecto carece de realismo e aplicabilidade fóra do papel, sendo temeraria a súa aprovación.
  18. A empresa contratou un estudo social que vulnerou todos os estándares éticos, recollendo datos persoais sen consentimento, vulnerando a LOPDGDD (Lei 3/2018) e o RGPD. En paralelo a empresa promoveu campañas de enxeñaría social destinadas a dividir a comunidade.
  19. A designación do proxecto como “Proxecto Estratéxico” outórgalle prioridade indebida sen cumprir co artigo 6 do Regulamento (UE) 2024/1252. O procedemento de avaliación pola Comisión Europea careceu de transparencia, non ofrecendo unha resolución motivada. O proxecto non está certificado nin cumpre os requisitos do Anexo IV do CRMA (ESG). A designación foi obxecto de varios recursos de revisión interna que están pendentes de resolución por parte da Comisión Europea.

👉 Descarga, cubre e presenta o modelo de alegación breve

Comunicados

Carta aberta para os concellos de Berariz, Avión, A Lama, Forcarei e Cerdedo-Cotobade

Doade, 19 de abril de 2025.

Ler

En 2020, a empresa Recursos Minerales de Galicia, S.A., presentou un proxecto para establecer unha mina de litio no monte comunal de Doade. Aquel proxecto, envolto en secretismo e irregularidades, recibiu a oposición maioritaria e expresa da AV de Doade e da CMVMC da Lamacega e o Besticovo, así como da veciñanza e as comunidades de montes dos lugares afectados pola concesión.

Hoxe, cun novo proxecto presentado por parte da mesma empresa, no mesmo lugar, as asociacións veciñais, comunidades de montes, e veciños e veciñas individuais que abaixo asinamos queremos declarar, máis unha vez, o noso rexeitamento total ao proxecto de “MINA DOADE” e, en xeral, a este tipo de explotacións mineiras nas nosas serra do Suído e do Seixo.

Pedimos públicamente ao alcalde de Beariz, D. Manuel Prado López, e á Corporación Municipal, que nos escoiten, que entendan a nosa vontade e exerzan o papel de representantes para o que foron elixidos. Que non dean apoio de ningún tipo ao establecemento desta empresa no concello, que expoñan a súa oposición e, en definitiva, que estean do noso lado neste proceso.

Facemos extensiva esta chamada a D. Antonio Montero, alcalde de Avión; D. David Carrera Cal, alcalde da Lama; Dna. Verónica Pichel Guisande, alcaldesa de Forcarei; e D. Jorge López Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, así como ás respectivas corporacións municipais. Este proxecto pretende ser a punta de lanza para a entrada da minería nos nosos concellos. O que aconteza en Doade determinará o futuro das serras do sur da Dorsal Galega.

Non queremos mina en Doade. Queremos unha vida honrada, tranquila, digna e saudable na nosa terra. Axúdennos a defender o noso monte, as nosas comunidades, as nosas serras. Fágano público. Estean connosco.

Esperamos resposta

Pechar

A plataforma SOS SUÍDO SEIXO recurrirá ante a Comisión Europea a designación de “Mina Doade”, como proxecto estratéxico

Beariz, 25 de marzo de 2025.

Ler
  1. O estatus de proxecto estratéxico europeo implica tramitación exprés de autorizacións e exención de cumprir determinadas esixencias medioambientais
  2. Denuncian a opacidade do procedemento, que levarán ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea conxuntamente con outros colectivos europeos

A plataforma SOS Suído Seixo, Mina Alberta NON, reacionou de inmediato ante a decisión feita pública hoxe pola Comisión Europea de designar o proxecto extractivo da mina de Doade, como “proxecto estratéxico europeo”. Esta designación eximirá a empresa RMG do grupo SAMCA de respectar certas normas medioambientais dando carta blanca para contaminar masas de auga e danar os espacios naturais protexidos próximos. Ademáis, forza unha tramitación exprés das autorizacións, que socava o procedemento de avaliación de impacto ambiental e os dereitos de participación da cidadanía.

Por estes motivos, dende a plataforma anuncian que xa están traballando nun recurso de revisión interna ante a Comisión Europa, como paso previo a levar o caso ante o Tribunal de Xustiiza da Unión Europea. Denuncian ademais a absoluta opacidade coa que se levou a cabo o outorgamento deste estatuto, non só non permitindo a participación pública se non impedindo ademais o acceso á documentación presentada pola empresa e aos informes encargados pola Comisión.

Tanto a Comisión Europea como o “Ministerio para la Transición Ecológica y Reto Demográfico”, que tiñan dereito de vetar a candidatura pero non o fixeron, denegaron as solicitudes de información, argumentando un suposto “segredo empresarial”. Pero SOS Suído Seixo considera que detrás da negativa está a existencia de datos falsos e omisións, que serían motivo para retirar o estatuto de proxecto estratéxico.

O recurso en preparación exporá precisamente o amplo historial de malas prácticas da mineira. Entre estas malas prácticas e impactos previstos, referimos o caso de estudo de Alberta I do MINOB (https://www.minob.org/espanol/mina-alberta-I.html) e o informe (https://www.tierra.org/wp-content/uploads/2025/03/Proyestos_estrategicos_materias_primas.pdf) elaborado por Amigas da Terra e Ecoloxistas en Acción presentado en Decembro do ano pasado ante a Comisión.

Nel destacábase a fragmentación artificial do proxecto, a omisión no 2020 de someter o proxecto á avaliación de impacto ambiental, os impedimentos da participación pública, a falta de transparencia, a posible afectación dos recursos hídricos, afectación ao ZEC Serra do Cando e á Serra do Suído así como unha agresiva campaña para conseguir a aceptación social levada a cabo entre Setembro e Decembro de 2024 polas empresas Deloga e Bannister Global, contratadas por SAMCA.

Denuncian ademais que o Regulamento de Materias Primas Fundamentais outorgará acceso privilexiado a fondos públicos, financiando deste modo unha destrución sen precedentes, e convertindo o territorio nunha “zona de sacrificio”. De feito, o estado español é o estado europeo con máis candidaturas de proxectos estratéxicos extractivos (10 en total), fronte a tan só 1 proxecto de reciclaxe. Se ademais sumamos os proxectos de Portugal, a Península Ibérica representa máis do 30% de tódolos proxectos extractivos presentados.

Engaden tamén á denuncia que dende a Xunta de Galicia, aínda non se deu traslado da documentación do proxecto “Mina Doade” e da solicitude de concesión de explotación nin da solicitude de prórroga do permiso de investigación mineiro Alberta I, presentado pola empresa hai mais de dous e tres meses respectivamente. As comunidades locais afectadas e recoñecidas como partes interesadas pola administración, solicitaron en numerosas ocasións toda a documentación relativa á actualización do expediente Alberta I, pero a pesar da insistencia non obtiveron resposta.

Fronte a esta situación “neocolonial”, anuncian novas movilizacións conxuntas con outras plataformas e colectivos doutros territorios, para dar unha resposta social e xudicial a esta decisión profundamente inxusta, opaca e antidemocrática.

Pechar

👉 Alegación breve

Manifesto

“SOS Suído-Seixo | Mina Alberta Non”, nace co obxectivo de informar á poboación, establecer colaboracións con outros colectivos, canalizar as ideas e reclamacións da veciñanza e para levar a cabo accións coordinadas entre as comunidades afectadas ante a preocupación suscitada pola solicitude de concesión de explotación mineira Alberta I por parte da empresa Recursos Minerales de Galicia, S.A.

O obxectivo principal da plataforma é a posta en valor do seu patrimonio natural e cultural e a defensa do territorio das Serras do Suído e Seixo e zonas limítrofes fronte ós proxectos e Permisos de Investigación de minaría existentes (Alberta I, Alberta II, Macarena, Carlota, Maite etc) e fronte a outras accións que o ameacen.

Ante a falla de información clara para a veciñanza e para as persoas interesadas sobre as pretendidas explotacións mineiras por parte das administracións competentes, unímonos e dicimos NON Á MINA polas seguintes razóns:

  1. Porque estamos en contra da decisión da Xunta de Galicia, a pesar de ter informe desfavorable da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, de non someter a explotación mineira a un procedemento de avaliación de impacto ambiental.
  2. Porque xa nesta primeira fase, existen núcleos poboados a menos de 500 metros.
  3. Porque existe risco de subsidencia, é dicir, afundimento do terreo, que pode ser provocado pola apertura das numerosas galerías subterráneas.
  4. Porque non se ten en conta a presenza de elementos tóxicos e radioactivos nos filóns que se explotarían e non se prevén medidas para evitar que sexan liberados ao ambiente.
  5. Porque é moi probable que se produza contaminación das augas, nunha zona sensible por ser cabeceira de ríos e regatos que verten as súas augas ás bacías do Miño, Lérez e Verdugo.
  6. Porque é unha zona de enorme valor pola riqueza da súa biodiversidade, paisaxe e patrimonio arqueolóxico, e que se atopa moi próxima da Rede Natura Serra do Cando.
  7. Porque tamén se verán directamente afectadas numerosas localidades con consecuencias moi negativas para o día a día das persoas que viven nelas: o constante tráfico pesado para o transporte de minerais ata o porto de Vigo; as continuas detonacións de explosivos; a perda de mananciais…
  8. Porque destrúe o emprego e as posibilidades de desenvolvemento local de sectores esenciais coma o agrícola, o gandeiro, o forestal ou o turismo de calidade entre outros, provocando máis abandono das zonas rurais. Isto, ademais, truncaría os proxectos de vida da comunidade emigrada de retornar á súa terra.
  9. Porque os custos sociais e ambientais son excesivos fronte aos posibles beneficios, ademais de non ser posibles a execución do proxecto sen inserción de capital público. Porque non é sostible, xa que esgotan recursos naturaisnon renovables.
  10. Porque non existe ningunha garantía, por causa da falta de Avaliación de Impacto Ambiental ordinaria, de que se faga un seguimento e control das actividades mineiras que poidan ser desenvolvidas.
  11. Porque o proxecto carece dun estudo rigoroso e independente que non estea supeditado aos intereses da empresa.
  12. Porque os grandes proxectos mineiros deixan atrás e sen futuro as iniciativas locais que puidesen ter interese para promover o desenvolvemento do rural dende o rural.
  13. Porque todo o anterior, afectaría negativamente á saúde e á calidade de vida das persoas. Porque os animais e demais seres vivos que comparten connosco este espazo tamén teñen dereito a vivir no ambiente natural que necesitan.
  14. Porque a explotación mineira estraga a nosa terra, o legado que herdamos das nosas antepasadas, o monte e o agro, os seus valores naturais e culturais así como os usos e aproveitamentos presentes e futuros.
  15. Porque as xeracións futuras merecen recibir o tesouro do noso patrimonio ambiental. As accións do presente terán graves consecuencias para o futuro do planeta. Protexer os recursos naturais é protexer a vida.
  16. Porque a transición enerxética non debería estar encamiñada a destruír os últimos espazos ben conservados da nosa terra, e debería ter un proceso de planificación minucioso, ecolóxico e xusto, facendo fincapé no aforro enerxético e na produción local.

A febre do litio ameaza moitas partes do mundo. Mentres o cambio tecnolóxico promove máis explotacións o crecente movemento contra a minaría une as súas forzas ao largo e longo dos continentes. Nun instante histórico onde a protección e restauración dos ecosistemas é o máis importante, a febre do litio camiña en dirección contraria. A solución á creación de máis proxectos mineiros pasaría polo cambio de modelo de consumo e produción, enfocándose cara o desenvolvemento sostible e o consumo responsable. A pregunta é clara: este é o camiño cara a unha verdadeira transición ecolóxica?

Non á Mina! Si á vida! Defende o noso monte! Defende a nosa terra!

Convocatorias

16 preguntas sobre a minaría

O experto e referente en hidroxeoloxía volveu a Galiza para tratar coas veciñas do municipio ourensán de Beariz algunhas reflexións crítitcas coas que enfrontarse ao potencial proxecto mineiro.

Ante a falta de información clara e transparente por parte da empresa mineira que pretende abrir unha mina no lugar de Doade, no concello ourensán de Beariz, a veciñanza organizouse para acudir a un experto internacional independente. Trátase do doutor Steven Emerman, experto en xeofísica con 31 años de experiencia e máis de 60 publicacións científicas que, ademais, traballou como consultor independente tanto para empresas mineiras como para organismos públicos.

Charla 27 de Outubro de 2024.

Radionovela:
Killaricocha, a maldición da abundancia

Esta radionovela, producida pola boa xente de @radialistasnet e @rosaluxandina conta a historia dunha aldea dos Andes onde a vida dos veciños e veciñas transcorre tranquila, ata que unha corporación descubre o tesouro que a terra alí agochaba.

Capitulo I

Capitulo II

Capitulo III

Capitulo IV

Capitulo V

Capitulo VI

Contacto e redes

  1. Instagram
  2. Twitter (x)
  3. Facebook
  4. Telegram
  5. info(a)sossuidoseixo.org